lunes, 28 de noviembre de 2011

Hoxe estaremos nos dous institutos de Ordes

Recién chegados de Alacant, continuamos co proxecto. Nesta ocasión, estaremos pola mañá no IES nº1 de Ordes e pola tarde no IES Maruxa Mallo da mesma localidade. O curso pasado o proxecto xa estivo nestes institutos e agrádanos que contedes connosco de novo.

Premendo sobre o nome de cada un dos centros podedes consultar toda a información relativa a actividade.

- IES nº1

- IES Maruxa Mallo

A nosa viaxe a Alacant

III Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento Vicente Ferrer. Santa Cruz de la Sierra, Bolivia, agosto-setembro do 2011, Obrím e ANOCA, dous dos galardonados, comezan a crear unha rede. Idea: que ANOCA estea na trobada Obrím. Semella un soño imposible.
22 de novembro de 2011, vó RY8539, Juan, Miguel, Benito e máis Juan Luis dirixímonos cara a Alacant. Aeroporto de Alacant, José Ángel recóllenos. Comeza a trobada.
Foron catro días nos que resulta moi difícil expresar con palabras as sensacións que tivemos. A acollida en Altea, extraordinaria, José Ángel, Pepa, Pau e Marc fixeron que estiveramos coma na nosa casa.
Segundo día, 8 da mañá, almorzo e... ao IES Altaia. Dúas charlas e invitación por parte dos alumnos e a titora dun terceiro a compartir con eles a súa clase. Fantástico o interese e a atención amosada polo alumnado. Comida con Ana, José Ángel, Marta, Pepa e Vicky. Pola tarde, paseo, encontro con Mónica, e cea, á que veu Jose.
Terceiro día. Chega o momento da trobada, a actividade que motivou a nosa visita. Almorzo ás 7:30 e ás 8:00 saímos cara a Novelda co alumnado de Altea. Chegamos, charla breve e participación en todas as actividades programadas. Coñecemos aos que serán os nosos anfitrións á tarde e ao día seguinte. Os nosos alumnos integráronse moi ben en todas as cousas que lles propuxeron. Ao final da mañá, e a petición do profesorado do IES Altaia, tivemos que acompañalos ata o bus para que volveran a Altea.
Despois, comida con Carme, Jose e Majo. Esperábanos unha charla nova, no Centre de Reeducació La Villa. O noso alumnado deu a talla e foi unha satisfacción para nós ver que os rapaces do centro tiveron un comportamento exactamente igual que os dos centros de secundaria. Pola noite, ceaa con Carme e Jose.
Cuarto día. IES Azud de Alfeitamí de Almoradí. Chegamos ás 8:00, café e asamblea co alumnado participante na trobada do día anterior. Despois, charla ANOCA, na que Juan e Miguel volveron a atoparse moi cómodos co alumnado. Participación na clase de titoría de Jose e despois comida con Carme, Encarna e Jose. Pola tarde, traballo no instituto actualizando algúns apartados do blog. Pola noite, viñeron desde Altea a compartir a cea connosco. Tivemos a sorte de cear con Carlos, Carme, Irene, Jose, José Ángel, Majo, Mónica e Pepa. Era a noite da despedida, Jose sería a que nos levaría ao aeroporto ao día seguinte, e sentímonos moi arropados. Grazas a todos.
Pensamos que con esta actividade acadamos abrir moitas fiestras como non podía ser doutra forma se está polo medio o "Obrím una finestra al món".
Aproveitamos esta entrada para amosar o noso agradecemento.
  • Grazas ao Centro Penitenciario de Teixeiro pola colaboración e autorización para que a nosa participación na trobada fora posible.
  • Grazas ao IES Altaia por abrirmos as portas para levar a cabo a nosa actividade nese centro.
  • Grazas ao AMPA do IES Altaia de Altea pola financiación aportada.
  • Grazas ao concello de Novelda por facilitar o lugar da trobada.
  • Grazas ao Centre de Reeducació La Villa por permitirmos compartir a tarde con parte dos rapaces que viven alí.
  • Grazas ao IES Azud de Alfeitamí de Almoradí por confiar en ANOCA para unha charla.
  • Grazas ao AMPA do IES Azud de Alfeitamí de Almoradí pola financiación aportada.
  • Grazas a todos os integrantes do Obrím por facer que tanto nós coma Juan e Miguel viviramos esta experiencia que nunca esqueceremos.
  • Grazas ao noso alumnado, neste caso Juan e Miguel, pois sen eles ANOCA non existiría.
"Mi trabajo consiste en conseguir sueños imposibles." Vicente Ferrer.

viernes, 25 de noviembre de 2011

Tamén estivemos na Trobada de Novelda

No día de onte, dentro da nosa visita a Alacante, tivemos a posibilidade de disfrutar da Trobada organizada polo proxecto "Obrím una finestra al món" á que asistiron varios centros educativos. Cremos imprescindibel adicarlle un apartado específico no noso blog, polo que incluímos os apartados da valoración dos nosos internos e a dos docentes do EPAPU.

lunes, 21 de noviembre de 2011

Próxima estación... ALACANTE

Hoxe é luns, aínda temos que confirmar algunhas cousiñas, pero...

O proxecto ANOCA sae de Galicia!!!

Esta semana estamos convidados á participación na trobada do proxecto OBRIM que este ano é en Novelda. Algúns dos traballos que os nosos alumnos prepararon para a súa exposición podedes velos premendo neste enlace.

Xa que estamos pola zona, aproveitaremos e visitaremos tres centros:

- IES Altaia de Altea

- Centre de Reeducació La Villa

- IES Azud de Alfeitamí de Almoradí


viernes, 18 de noviembre de 2011

lunes, 14 de noviembre de 2011

O 15 de novembro estaremos no IES Rafael Puga Ramón

Dúas profesoras e dous internos compartirán na mañá do vindeiro día 15 unha charla co alumnado do IES Rafael Puga Ramón da Coruña.

Premendo no nome do instituto podedes consultar toda a información refereida a nosa visita.

martes, 8 de noviembre de 2011

Comezamos no IES Terra de Trasancos de Narón

Chegou o momento de comezar as nosas visitas aos centros de secundaria. Neste curso o primeiro que visitaremos será o IES Terra de Trasancos de Narón ao que asistirán dous profesores do EPAPU acompañados de dous internos para dar unha charla. Tanto o profesorado como o alumnado do EPAPU están agardando a chegada do día 10 de novembro.
Premendo no nome do instituto podedes consultar toda a información refereida a nosa visita.

jueves, 3 de noviembre de 2011

O Proxecto ANOCA estará no II Encontro Nacional de Docentes en Educación para o Desenvolvemento: Creando Redes

Mañá día 4, dous profesores do EPAPU de Teixeiro desprazaranse ata Cuenca para participar neste encontro organizado pola AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento) e polo Ministerio de Educación.
Neste caso poderemos continuar co traballo de colaboración emprendido polos nosos compañeiros Benito máis Jesús en Bolivia, primeiro paso para que o Proxecto ANOCA non sexa algo que quede na provincia de A Coruña, comezamos a ampliar o noso radio de acción e temos a ilusión de poder participar nas distintas actividades ás que fumos convidados, estamos a facer ás xestións que están moi avanzadas.